Continuamos con YouTube, o buscador por excelencia para contido en vídeo. Non só arrastra o mesmo problema da busca que Google, onde ante procuras en galego os resultados que mostra son en castelán. Se non que ademais diso, non ten implementada a “burbulla” de contidos para o galego [1].
A burbulla de contidos é un funcionamento propio das redes sociais onde os contidos que se mostran a continuación teñen relación cos que viches anteriormente. Pensa por exemplo na suxestión de vídeos que se mostran na barra lateral de YouTube ou cando rematas de ver algo.
Pois co galego non existe esa burbulla. Non hai recomendacións de contidos no noso idioma. Logo de ver un vídeo en galego, por norma xeral, as suxestións serán de vídeos en castelán e non doutros vídeos en galego. Este funcionamento de burbulla, que nos permite coñecer novos creadores e novos contidos, non aplica para o galego o cal significa na práctica unha invisibilización dos creadores que non se coñecen previamente.
Os casos de Google e YouTube son especialmente graves, e non só polo número de usuarios que os utilizan, se non porque tanto no código de programación das páxinas web como nos vídeos que se suben, está perfectamente indicado o idioma. É unha cuestión de vontade!
Para finalizar co nefasto ecosistema de Alphabet a respecto das buscas, coñecida foi a súa histórica deturpación toponímica no Google Maps [2], corrixida de xeito parcial moi recentemente (setembro 2024) [3] ou a inexistencia dun dominio propio .GAL para o buscador. Cousa que non sucede co .CAT.
[1] Denuncian a discriminación do galego por parte de Google Ads. (Código Cero, 2018). Fonte.
[2] Os mapas dixitais polo seu nome. (A Mesa, 2022). Fonte.
[3] Google Maps comeza a respectar a toponimia oficial galega. (G24.gal). Fonte.