Se nos referimos á publicidade online, a cousa non mellora. Isto aplica principalmente a proxectos de divulgación, autónomos ou empresas que teñan como obxectivo acadar máis impacto ou conseguir novos clientes. Mais, con todo, afecta ao conxunto do uso do galego en Internet.
As principais plataformas de anuncios online como son Google Ads, Meta Ads (Facebook e Instagram) e Tiktok Ads non se levan moi ben con que o idioma anuncio sexa o galego e, no mellor dos casos non funcionan ben eses anuncios, e no peor elimínanse [1] [2].
Nestes intres a publicidade en Internet é tan ou máis importante que a que se realiza de xeito tradicional. Imaxina que non existise a posibilidade de colocar un panel en galego, un anuncio nun xornal ou unha cuña de radio. Iso mesmo é o que se impide en Internet. Tanto por acción (eliminación de anuncios) [3], como por omisión (mal funcionamento).
Por exemplificar a problemática na plataforma posiblemente máis grande de todas, Google Ads, o galego está ausente da súa lista de idiomas permitidos [4].
É máis, a súa política di: “No se aprobará ningún anuncio creado en un idioma no disponible. Los idiomas disponibles en la segmentación por idioma se pueden utilizar en anuncios y destinos”.
Nesta última frase están dicindo en positivo que os idiomas que non están dispoñibles na segmentación por idioma, non se poden empregar nin en anuncios nin en páxinas de destino.
E se nos referimos a gañar diñeiro coa publicidade, a cousa non mellora. Para entendérmonos, as vías de ingreso publicitario máis importantes en Internet son: colocar banners a través dos principais servizos de inserción de publicidade nunha páxina web (o que se coñecía como Google Adworks) ou incluír pausas publicitarias en vídeos subidos a YouTube ou Facebook.
Pois tampouco funcionan en páxinas web cuxo contido está escrito en galego ou en vídeos cuxo principal idioma é o galego. Neste caso son bots automáticos quen o detectan, polo que a única opción é intentar enganalos. Cousa que está difícil.
En Internet existen moitos proxectos que gañan diñeiro mediante a inserción de publicidade automática, algo que para nós está pechado.
[1] Denuncian a discriminación do galego por parte de Google Ads. (Código Cero, 2018). Fonte.
[2] Unha campaña exixe a Tik Tok que acepte o galego como lingua oficial. (Nós Diario, 2021). Fonte.
[3] Rei Zentolo, contra o algoritmo de Google: “as principais ferramentas publicitarias toman o galego como unha errata”. (Praza Pública). Fonte.
[4] Acerca de los idiomas disponibles en la interfaz de Google Ads. (Google). Fonte.