Comecemos co que é, con toda probabilidade, o maior dos impedimentos para a medra do galego en Internet: a busca de Google. Google non ten en conta as buscas en galego e, por defecto, mostra resultados en castelán.
Isto é unha traba maiúscula. Google rexistra miles de millóns de buscas diarias no mundo [1], de todos os temas e de todas as disciplinas. O seu uso é esmagador por todas as xeracións independentemente da idade (nota: a xeración Z tamén usa Tiktok como buscador) para procurar infinidade de cousas: novas, titoriais, dúbidas, receitas, lecer…
Pensa entón un intre no que isto significa. Se unha páxina web en galego, se un blog en galego, se un eCommerce en galego é invisible para o posicionamento web en Google, cal é o incentivo que pode ter calquera persoa cun proxecto ou negocio en crear un sitio en galego? Só o activismo lingüístico? O compromiso? Iso lévanos a un punto de residualidade máxima.
É certo que Google se pode configurar para que mostre o interface en galego. Iso mellora algo a busca, pero non arranxa o problema. Segue mostrando os resultados en castelán porque non ten implementado a nivel técnico o chamado filtro de idioma para os resultados [2].
É dicir, non existe a posibilidade de ver resultados en galego ante unha busca en galego, cousa que si é posible no catalán ou no castelán.
Malia que non existe ningún estudo recente a día de hoxe que demostre que impacto real ten isto (a última referencia data de 2008 [3]) podemos presumir que é un impacto brutal.+
O que si podemos facer é establecer un paralelismo entre o galego e o catalán, onde si existen datos recentes que demostran como un pequeno cambio nos resultados de busca en Google poden provocar un aumento na visiblidade ou na invisibilidade do contido [4] cando si existe filtro de idioma nos resultados.
Por último, o caso do trato de Google ao dominio .GAL é especialmente relevante. Proba a acceder a google.cat e a google.gal e verás a diferenza.
[1] 50 estadísticas sobre las búsquedas de Google. (Semrush, 2023). Fonte.
[2] Gravación propia. Fonte.
[3] Google podería estar a crear unha fenda lingüística. (Código Cero, 2008). Fonte.
[4] Google millora els resultats de cerca en català. (Fundaciò .CAT, 2024). Fonte.