Co paso dos anos Internet volveuse omnipresente nas nosas vidas, tanto no ámbito persoal como profesional. No ámbito persoal, as redes sociais, como Facebook e Instagram, axudan a conectármonos con amigos e familiares, mentres que plataformas como YouTube, Tiktok e Netflix proporcionan horas de entretemento. No ámbito profesional, a influencia de Internet tamén se fai sentir de forma significativa nos negocios.
Empresas de todas as dimensións están a aproveitar as oportunidades que ofrece a rede. Desde o tendeiro local que anuncia os seus produtos nunha páxina web ata a multinacional que utiliza a Internet para expandir o seu alcance global, a presenza en liña é crucial. E dar as costas a esta realidade só prexudica o mercado galego.
A presenza do galego na rede
O éxito de Internet nas nosas vidas non supuxo un pulo decisivo para a nosa lingua. A presenza do galego en Internet e nas redes sociais é baixo e se non diminúe máis, é porque o activismo lingüístico en galego é teimudo e traballa arreo para mellorar a situación.
Neste punto atopámonos con dous grandes factores que inflúen decisivamente á hora de analizar o desenvolvemento do noso idioma no mundo dixital:
- O uso do galego na rede e os contidos que existen.
- Os xigantes de Internet que utilizamos día a día.
O uso do galego na rede e os contidos que existen
Radiografar a realidade do idioma en Internet é moi complexo. Como se pode comprobar cunha busca de información, existe moita controversia neste punto [1] [2] e non temos á man datos definitivos que nos permitan decantarnos por unha situación ou outra.
Pódense facer estimacións máis ou menos realistas, mais non é posible asegurar que eses cálculos sexan correctos. Por exemplo, W3Techs mantén actualizados unha serie de rankings de uso de Internet, entre eles a do idioma [3]. Na súa comparativa anual pódese observar unha teórica pequena mellora no uso do galego, estando presente no 0,009% das páxinas web do mundo.
Neste punto cómpre indicar que estes datos son estimacións baseadas nun modelo de análise automático dunha mostra de varios millóns de sitios web [4], non unha mostra completa de Internet. Para iso depéndese por enteiro de buscadores como Google ou Bing, os cales non revelan cantos sitios web almacenan as súas bases de datos nin o seu idioma.
Algo similar pasa coas redes sociais, plataformas propietarias pechadas en que é imposible obter ningún dato de uso agás as escasas estatísticas propias de cada perfil ou os reportes de uso xenérico que elas mesmas achegan.
O que si é posible afirmar é que Internet non é alleo á perda de falantes no mundo real [5].
De xeito progresivo, a xente non usa a lingua no día a día, dá igual que sexa en Internet ou no supermercado.
Cómpre destacar que se chegamos até hoxe nesta situación, e non peor, é por iniciativas en moitos casos particulares ou asociativas.
Convídoche a pensar cantos proxectos en galego en Internet coñeces. Se cadra es quen de nomear 100. De memoria son moitos, mais no océano que é Internet, non representan nin unha pinga de auga.
Sendo conscientes de que nalgúns eidos si existen contidos escritos e audiovisuais completos e multicorais (por exemplo, divulgación cultural e histórica, lingüística ou de lecer/variedades [6] [7] [8] [9]), na maioría de temas a presenza do idioma é anecdótica, residual ou inexistente, nomeadamente se analizamos os contidos vinculados ao eido profesional ou empresarial.
E, máis polo miúdo, a meirande parte da creación céntrase no vídeocurto/efémero vertical para as plataformas Tiktok e Reels, deixando nun segundo plano o vídeo longo, o podcast, os blogs, boletíns/newsletters ou en xeral as páxinas web e o eCommerce.
Para mostra disto último, analicemos a situación do noso dominio propio, o .GAL. Existen nestes intres algo máis de 7.000 dominios .GAL rexistrados [10] desde o 2014, momento no cal comezou a ser posible mercalos.
Nun intervalo temporal semellante, o dominio .EUS suma o dobre [11] e o dominio .CAT, activo desde hai xa 18 anos, chega a máis dos 111.500 rexistros [12].
O baixo número de rexistros en comparación ten moitas explicacións sociais, económicas, políticas e tamén técnicas, das que falaremos un pouco máis abaixo. Mais tamén demostra que hai un gran campo de actuación por diante e a oportunidade de posicionarse para moitos proxectos e marcas.
Os xigantes de Internet que utilizamos día a día
Neste punto é preciso partir dunha premisa. Cando navegamos en Internet, cando consumimos contidos, cando os creamos ou cando os buscamos, facémolo case na súa totalidade a través de produtos ou servizos creados e xestionados por corporacións multinacionais privadas.
Tamén a propia tecnoloxía que nos permite o acceso a Internet, como as computadoras, os móbiles e os sistemas operativos instalados neles, están na súa maior parte vinculados directa ou indirectamente a estas mesmas corporacións.
Naturalmente estes xigantes tecnolóxicos teñen a súa propia axenda e intereses económicos e sociais, e en moitos casos non casan coas necesidades da comunidade en galego.
Para buscar contidos, a cota de mercado de Google supera o 95% no noso entorno xeográfico [13]. Quen teña un proxecto que non saia en Google, terao moi difícil para a difusión, comercialización e escalabilidade. Tradución disto? O seu monopolio, as súas normas.
Para navegar, Chrome apoderouse do mundo e os seus competidores inmediatos tampouco son mellores: Safari e Edge [14]. Só Firefox intenta romper coa tendencia monopólica.
En redes sociais, ningunha das principais está fóra destas lóxicas [15]. Facebook e Instagram son propiedade de Meta. YouTube é propiedade de Alphabet (do mesmo xeito que Google). X é propiedade de Elon Musk. Twitch de Amazon. Tiktok de ByteDance. A alternativa aberta a todas elas que máis tirón tivo foi Mastodon, cuxo uso é residual.
A única excepción parcial a este dominio corporativo atopámola na creación de páxinas web, con WordPress liderando este ranking. Desta volta si, ferramenta de Software Libre con interfaz traducido 100% ao galego [16] e que permite crear páxinas web no que figure o código idiomático do galego (gl_ES).
A onde quero chegar con isto? Esta realidade é imposible de obviar á hora de analizar a presenza, uso e utilidade do galego a través destas plataformas.
Categorías de estudo
A continuación podes acceder todos os artigos concretos de cada categoría sometida a estudo:
Conclusións
A tenor do indicado e do conxunto das fontes consultadas, extraemos 6 ideas a modo de conclusións a respecto do galego en Internet:
a. O uso do galego en Internet é reflexo do uso social.
Non se pode separar a rúa de Internet, e a situación social do galego tamén se reflicte no mundo dixital. Con todo, e malia as dificultades e a escasa presenza, si se detecta unha onda favorable por parte dos usuarios que atopan no galego unha ferramenta comunicativa e libre dalgúns prexuízos que aínda leva asociado noutros entornos sociais.
b. Contidos en galego.
O número de contidos en galego en Internet continúa a ser cativo e, en moitos casos, inexistente. Do mesmo xeito que é preciso que existan series e películas en galego nas plataformas máis populares, tamén se precisan máis medios de comunicación en galego, máis podcasts, máis vídeos, máis artigos de blogs, máis usuarios nas redes… e máis negocios cos seus sitios web e comercios electrónicos no noso idioma aproveitando as súas potencialidades.
Contidos de todo tipo e condición: desde o coidado da horta, ata a cociña, a mecánica, a moda, o fogar, a cultura, o márketing, as finanzas, a política…
c. Alcance e mercado.
Contra o prexuizo establecido de que o galego limita, afirmamos que en xeral é precisamente o contrario. Alén de que non hai ningunha razón máis poderosa para utilizar o galego que ser a nosa propia lingua, en moitos casos o rexeitamento vén dado pola errónea conclusión de que en galego se chega a menos xente.
Por unha banda, nunca nos diriximos a todo o mundo. Os nosos contidos están pensados para un público concreto. Isto chámase segmentar a audiencia.
Chegar a ese público será moito máis sinxelo nun entorno con menos competidores, onde destacar non é algo que dependa dos cartos que poidas investir. Polo xeral será máis sinxelo ser o peixe que destaque nunha pequena lagoa, que intentar facelo na inmensidade do mar.
Un exemplo moi claro disto é a cantidade de dominios de Internet .GAL que están libres. Algúns dunha soa palabra, de poucas letras. Algo que noutras extensións como a .COM ou a .ES é imposible de atopar.
Imaxinas as posibilidades que tería o teu negocio local se foses quen de rexistrar pizza.es, coches.com ou bodas.es. Pois co .GAL podes. As oportunidades están aí!
d. Acción individual.
Malia que a acción individual en moitas ocasións é pouco menos que inútil, hai certas cousas que podemos facer para axudar a incrementar a presenza do galego no día a día. E non todas implican divulgar ou crear.
Unha delas é configurar o sistema operativo, os navegadores, os buscadores e o propio móbil en galego para que quede rexistrado que navegamos nesa lingua e que somos galegos.
A isto súmase utilizar e apoiar proxectos de software libre, onde o galego ten moito máis peso grazas á comunidade de tradutores voluntarios.
Se cadra, se comezamos a aparecer nas estatísticas algo se mova. Aquí tes unhas guías creadas por .GAL que che poden axudar.
e. Acción colectiva.
Desde hai polo menos dúas décadas a comunidade galega en Internet articulouse para que a lingua tivese ferramentas e presenza. Desde os primeiros medios de comunicación e redes de blogs, ata as actuais comunidades de creadores, pasando por moitas iniciativas de galeguización actuais e pretéritas.
Asociarse, colaborar e crear deben ser unha das ferramentas útiles neste punto.
f. Acción institucional.
Non podemos levarnos a engano. Para que as corporacións multinacionais movan ficha é necesaria a acción institucional, algo que moitos botamos en falta. É preciso que a institucións galegas tomen medidas para que se comecen a mover as pezas.
Se se conseguiron noutras linguas, por que non sería posible na nosa?
[1] Internet é o lugar “onde máis medra o galego” e un “mar de oportunidades” (Diario de Pontevedra, 2018). Fonte.
[2] A lingua galega perde peso en Internet e segue moi por debaixo do catalán e éuscaro (Galicia Confidencial, 2020). Fonte.
[3] Usage statistics of Galician for websites (W3techs, 2024). Fonte.
[4] Methodology (W3techs, 2024). Fonte.
[5] O cativo uso do galego en Internet e nas redes sociais, un freo para a normalización da lingua. (Praza, 2019). Fonte.
[6] Comeza a cuarta década da rede en galego, que nos vai traer? (Vinte, 2021). Fonte.
[7] Streamers. Máis de 60 xogadores comparten as súas partidas en directo e en galego (Vinte, 2021). Fonte.
[8] Os mellores momentos da internet galega en 2021. (Vinte, 2021). Fonte.
[9] TikTok, a plataforma dos novos creadores de contido en galego. (O salto, 2023). Fonte.
[10] Dominios .GAL. Fonte.
[11] Dominios culturais e territoriais reúnense con rexistradores na Coruña. (Asociación.gal, 2024). Fonte.
[12] Domini .CAT. Fonte.
[13] Cuota de mercado de los principales motores de búsqueda online en 2023 (Statista, 2023). Fonte.
[14] Google Chrome se ha apoderado del mundo. (Statista, 2023). Fonte.
[15] IAB Spain presenta la XI Edición del Observatorio de Marcas en Redes Sociales (iabspain, 2023). Fonte.
[16] Comunidade de traductores a galego de WordPress. Fonte.
Menudo curro de análise. Parabéns 😯👌!
Moitas grazas, Iago. Creo que para que as cousas se coñezan, hai que explicalas. A miña intención é seguir a incrementalo con máis datos.
pois si señor, unha análise e un contido ben interesante. Parabens!
Moitas grazas, Celsius.
Necesito lelo con máis calma…